Páginas

martes, 15 de febrero de 2011

Plan Téxtil Moda-Visión 2020

De interes para toda a industria textil de Galicia:

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou, esta mañá, na presentación do Plan Téxtil Moda-Visión 2020, o financiamento e a internacionalización como os dous alicerces deste plan estratéxico encamiñado a fortalecer o sector e dotalo de novos instrumentos que o fagan competitivo en todo o mundo.
Deste xeito, o titular autonómico garantiu, nun primeiro termo, que o Goberno galego dará todas as facilidades posibles en materia de liquidez ao sector téxtil, “tanto para circulante e para recualificar a desempregados, como para poñer en marcha novas empresas ou aproveitar a Eurorrexión para reforzar as vías de financiamento”.
Feijóo subliñou a internacionalización como a segunda aposta fundamental para lograr que o téxtil saia fortalecido da crise económica. “É evidente que na situación que vive actualmente España, a dependencia do mercado nacional é unha gran debilidade. Acuciado pola desconfianza e pola caída do consumo que impera no país, o sector téxtil ten que rearmarse e abrir novas fiestras que o fagan aínda máis visible nos mercados internacionais. Hoxe, máis ca nunca, precisa abrirse e liberarse do illamento que supón que dous terzos dos nosos produtos se vendan no mercado nacional, nun momento en que a gran maioría dos españois non ten capacidade para mercar”.
Segundo aseverou, neste plan hai un anceio que é común ao 100% dos sectores estratéxicos da nosa economía: “trátase de buscar novas rutas e establecer novas relacións comerciais que permitan aos emprendedores galegos distinguirse nos mercados internacionais de facto, dotarse de novos instrumentos –incidiu- que fagan posible competir en todo o mundo e, sobre todo, esquivar o máximo posible a crise que sofre o seu principal cliente, que é a nación española”.
Vontade de crecer, de cooperar e de manter intactos os seus distintivos de calidade
Feijóo resaltou que é difícil que un plan coma este naza con tantas garantías, “pero o téxtil –dixo- tenas: a vontade de crecer, a vontade de cooperar e a vontade de manter intactos os seus distintivos de calidade son a súa tripla fortaleza. O acordo do diálogo social é o seu aval. E este acto, a demostración de que hai un sector privado disposto a renovarse, a avanzar e a triunfar; e un sector público decidido a acompañalo e apoialo nese camiño”.
“Hoxe, hai no téxtil cooperación institucional, compromiso económico e a disposición de recuperar os liderados que forman parte da nosa historia”, aseverou.
No tocante á integración de esforzos, Feijóo afirmou que poucos exemplos mellores que o sector téxtil para reflectir que o entendemento é o mellor patrón nun momento coma este que nos obriga a facer máis con menos. “O sector é a suma de diversos intereses, desde os do deseño e a fabricación, ata os da distribucións, a pasarela ou a comercialización. Neste contexto, as alianzas e a cooperación son unha necesidade. Pero ademais, nun momento económico como o actual, é unha obriga que, en lugar de varios retallos, sexamos quen de tecer unha peza uniforme”.
Neste senso, quixo recoñecer a xenerosidade e a madurez do sector. “Xenerosidade e madurez –salientou- que teñen derivado en dous pasos imprescindibles para que hoxe poidamos estar aquí, dando un impulso conxunto a un ámbito tradicional e estratéxico da nosa economía: a posta en marcha do único Clúster do Téxtil, en setembro do pasado ano; e o pacto polo sector téxtil alcanzado entre a Administración, os axentes sociais e os axentes económicos, e que forma parte do Acordo polo Diálogo Social que ratificamos o pasado mes de xullo”.
Ademais da vontade e da cooperación, Feijóo destacou un terceiro factor co que as empresas do téxtil poden afrontar o seu futuro e aplicar este plan estratéxico, destinado especialmente as case 550 pemes do sector que dan emprego a preto de 13.000 persoas e que facturan algo máis de 1.000 millóns de euros anuais. “Refírome ao seu dobre arraigo. Con Galicia e cos dous principios que van unidos de seu á moda galega: o deseño e a calidade”.
Por último, Feijóo explicou que este plan está pensado para afrontar non só as necesidades máis apremiantes, “senón que tamén nos convoca durante toda esta década, en consonancia co Plan Estratéxico 2010-2014 horizonte 2020 que, recentemente –lembrou- contou cos parabéns da Unión Europea por ser unha das poucas rexións que plantexa unha planificación no mesmo calendario que a planificación da UE, cando a Unión aprobou a Estratexia 20-20”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario